Unha forma de comprender o mundo. De expresalo. Unha maneira de estar no mundo, de ser parte del. Unha vía para comunicar un sentimento, unha identidade, unha terra, unha cultura. O álbum das letras galegas é un percorrido pola vida e a obra de cinco autores emblemáticos da literatura de Galicia. Grazas ao seu traballo, ao seu talento, á súa valentía e ao seu tesón hoxe en día as letras galegas gozan do respecto, do prestixio e do recoñecemento de todo o mundo.
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela en 1837. Foi unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento, o movemento que durante o século XIX revitalizou a lingua galega como vehículo de expresión cultural tras o ostracismo dos tres séculos precedentes, coñecidos como os Séculos Escuros.